Sunday 28 de April de 2024

Rueda adianta que a nova unidade de hospitalización e os hospitais de día do Chuac comezarán a funcionar entre abril e maio


— Subliña que con esta apertura e a posta en marcha nuns meses das novas áreas de UCI, Urxencias e Farmacia dáse case “por rematada” a ‘fase 0’ do Novo Chuac no que a Xunta vai investir 500 M€

— A nova unidade de ingreso contará con 29 camas mentres que os hospitais de día terán 96 postos e 13 camas para pacientes de oncoloxía ou hematoloxía, entre outros

— A licitación da construción da Torre Polivalente -primeira obra da ‘fase 1’ do Novo Chuac- prevese realizar en xuño e estase a ultimar a aprobación do proxecto de accesos

— O Goberno galego investiu 26 millóns de euros en nova tecnoloxía no Chuac nos últimos doce anos

— Ao longo deste 2023 vanse renovar dúas salas de hemodinámica, dous equipos de radioloxía vascular, unha resonancia magnética e as lámpadas, sistemas de anestesia e estacións de quirófano de todos os bloques cirúrxicos do hospital

— Rueda resalta que as obras do Novo Chuac van supoñer “un antes e un despois” para un centro que xa é “un hospital de referencia en moitas especialidades”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou hoxe que a nova unidade de ingreso e os hospitais de día do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) comezarán a funcionar entre os vindeiros meses de abril e maio. Durante unha visita ás obras, o titular do Executivo galego resaltou que deste modo “remátase” practicamente a ‘fase 0’ do Novo Chuac, no que a Xunta vai investir 500 millóns de euros.

A nova unidade de hospitalización contará con capacidade para 29 camas e estará operativa no mes de abril. Pola súa parte, os novos hospitais de día estarán dotados de 96 postos e 13 camas para pacientes de oncoloxía ou hematoloxía, entre outros. A previsión é que tamén poidan entrar en funcionamento entre o próximo mes ou en maio.

As obras desta ‘fase 0’ completaranse nos vindeiros meses coa posta en marcha das novas áreas de UCI, Urxencias e Farmacia. Estas unidades estarán dotadas coa última tecnoloxía en ecografía, soporte vital e respiración mecánica.

Rueda resaltou que o Novo Chuac é a obra sanitaria de maior envergadura que acometerá a Xunta nesta lexislativa e busca preparar as instalacións sanitarias para a medicina e as necesidades dos pacientes da área sanitaria coruñesa nas vindeiras décadas. “O Chuac é un hospital de referencia en moitas especialidades en Galicia e estas obras van supoñer un antes e un despois para este centro”, resaltou.

O presidente resaltou que a Xunta segue traballando para facer realidade este proxecto. Por iso lembrou que, en canto se desbloqueou a situación co concello da Coruña e se chegou a un acordo sobre o convenio necesario, o Consello autorizou as expropiacións para executar a Torre Polivalente que vai ser a primeira obra da ‘fase 1’. A previsión é licitar as obras en xuño.

Ademais, no vindeiro mes de abril prevese licitar a demolición do actual Hotel de Doentes -que será substituído pola nova Torre Polivalente-; estase a ultimar a aprobación do proxecto dos accesos e nesta primavera someterase a información pública o Proxecto de Interese Autonómica que inclúe o resto de elementos do Novo Chuac.

Rueda resaltou que á ampliación e remodelación das infraestruturas hai que sumar o forte investimento da Xunta para dotar ao Chuac da última tecnoloxía en materia sanitaria. O Goberno galego destinou 26 millóns de euros nos últimos doce anos a dotar de nova tecnoloxía neste hospital. En concreto, este ano está previsto renovar unha resonancia magnética, dúas salas de hemodinámica, dous equipos de radioloxía vascular ou as lámpadas, sistemas de anestesia ou estacións dos quirófanos en todos os bloques cirúrxicos.

O presidente resaltou que o Novo Chuac é unha mostra do compromiso da Xunta cunha “sanidade pública de primeira calidade”.